domingo

LIMPAMOS A PRAIA DA BESTARRUZA E APRENDEMOS SOBRE OS OCÉANOS

 

A nosa ANPA, xunto con outras do concello e con diferentes entidades de Mugardos organizou esta actividade que tanto nos gustou.

Concienciar ao alumnado, profesorado e familias do grave problema medioambiental que supoñe a contaminación dos mares, ofertar actividades coas que poidamos contribuír a diminuíla e amosar outras iniciativas para limpar os océanos tanto na superficie como nos fondos mariños considerámolo fundamental e moi a propósito do noso Proxecto anual "COIDADIÑO: XENTE MEDRANDO".

Na páxina web do Club do Mar de Mugardos tedes máis información e enlaces ás diferentes entidades organizadoras e colaboradoras.

No cole recibimos a visita dun biólogo que traballa en ARDENTIA, que coñece ben os problemas derivados deste tipo de contaminación, e así llelo explicou ao alumnado. Tamén  lles explicou cales son os traballos que a empresa realiza no mar, apoiándose dunha serie de vídeos e diapositivas que tiña preparadas.


O día 24 de maio foi a cita. Un autobús levounos ata o peirao de Mugardos onde a organización repartiu luvas axeitadas para a recollida de residuos. Alí deixamos as mochilas e camiñamos ata a praia da Bestarruza que sería a zono onde traballamos.

O alumnado viña preparado con calzado axeitado e cubos para a recollida do lixo. Traballamos duro e sorprendímonos da diversidade de lixo plástico que atopamos, se ben é certo que pensamos que habería máis.

Co traballo feito cambiámonos de calzado e volvimos ao peirao, onde a organización repartía froita e auga para a merenda. Despois do descanso e de repoñer forzas, voltamos ao cole no autobús proporcionado pola organización.

Unha moi boa xornada, na que ademais nos acompañou o bo tempo, na que colaboramos a coidar os nosos hábitats mariños e intermareais.

Ningún comentario:

Publicar un comentario