xoves

DÍA DO LIBRO 2014

Para conmemorar tan sinalada data preparamos unha edición especial de "A Hora do Conto".
Sabiamos que Faia, alumna de 6º de E. Infantil tiña moitas gañas de contar un conto a todos os compañeiros e compañeiras do cole, igual que fixera Candela, a súa compañeira,aló polo 9 de xaneiro. Así que non o dubidamos. 
Preguntámoslle o martes, e ela aceptou. Escolleu un conto e levouno a casa para preparalo.
O mércores pola mañá Faia apareceu no cole cargada cuns monicreques (que fixera a súa nai baseándose nas ilustracións do conto) e cunha moi boa preparación.
Escolléronse unhas compañeiras para acompañar a Faia e suxeitar os monicreques durante a narración (Candela, Mara e Paula) e este foi o resultado.
Seguro que vos gustará tanto como nos gustou a nós escoitalo, que non se oía nin o voo dunha mosca.
GRAZAS FAIA!, GRAZAS MAMÁ DE FAIA!



AGASALLAMOS A CANDELA POLO DÍA DO LIBRO

Despois deste máxico momento con que Faia nos engaiolou a tod@s, recordamos aquel en que Candela nos contara un conto (sen preparar) o 9 de xaneiro pasado, poñendo o vídeo que lle fixéramos.
E por ser unha data especial, e para que ela garde un recordo dese día, regalámoslle O SEU CONTO.
Si si, ledes ben, O SEU CONTO.
Coas ilustracións do conto orixinal e o texto do conto que ela nos contou fixemos dous libriños: un para quedar na biblioteca e así podelo ler sempre que queiramos e outro para que ela o levase a súa casa. O dela, ademais, levaba o vídeo gravado nun DVD, para que o conserve coma o que é:
UN TESOURO.


Se queredes tamén podedes ler este conto máis abaixo ( e descargalo no voso ordenador).








E por se o queredes ler na casa, aquí volo deixamos. Pero recordade todos que é "O conto de Candela".

"COMECOCOS DE ANDERSEN"

E para rematar o  Día do Libro 2014 agasallamos a toda a comunidade educativa cun "comecocos" sobre oito contos de Hans Christian Andersen.
Xógase á maneira tradicional, pero ao escoller unha das seccións do xogo, hai que saber dicir o título do conto ao que se refire a frase que alí aparece.
Levantando a solapa comprobamos se acertamos ou non, xa que embaixo aparece o título do conto e mais unha imaxe do mesmo.
Unha maneira divertida e creativa de coñecer oito títulos deste autor e ademais despertar a curiosidade sobre aqueles que aínda non se coñecen.

Aquí vos deixo unhas imaxes do agasallo e máis abaixo un ISSU de onde podedes descargalo.