Na nosa biblioteca celebramos con moita ilusión o Día das Letras Galegas 2026, dedicado este ano a Begoña Caamaño.
Foi unha xornada chea de aprendizaxe, compañeirismo e orgullo pola nosa lingua galega.
O alumnado participou nunha divertida "gymkana" organizada polos corredores do colexio. Os nenos e nenas, divididos en grupos formados por alumnado de distintos cursos, tiveron que buscar información nos carteis e cadros colocados polos pasillos sobre a vida e obra da autora homenaxeada. Grazas ao traballo en equipo e á súa capacidade de investigación, foron resolvendo os diferentes retos e preguntas propostas.
Ao rematar a actividade, reunímonos todos na biblioteca para compartir o aprendido. Como premio á actividade o alumnado recibiu un agasallo moi especial, un lapis que só escribe en galego.
Despois gozamos dunha actividade moi especial preparada polo alumnado de terceiro e cuarto curso. Os rapaces e rapazas representaron unha posible entrevista a Begoña Caamaño, achegándonos dunha maneira creativa e amena á súa figura e ao seu legado literario.
Para poñer o broche final á celebración, todo o alumnado participou cantando a canción de Begoñísima, dedicada á autora, enchendo a biblioteca de música, emoción.
Foi unha mañá inesquecible na que aprendemos, colaboramos e celebramos xuntos a riqueza da nosa cultura.
Feliz día das Letras Galegas







