Como sabedes a nosa biblioteca forma parte do Programa Bibliotecas Creativas que ten por obxecto apoiar a cultura da experimentación, a creación e a investigación, en espazos creativos e cooperativos no seo das bibliotecas escolares.
Para levar a cabo as actividades do Proxecto recibimos dotación orzamentaria que neste curso escolar debería empregarse en obradoiros creativos para o alumnado.
Foron as monitoras e monitores de e-makers Lab quen organizaron dúas xornadas de obradoiros simultáneos para todo o alumnado, con 4 estacións ben diferenciadas polas que ían rotando en pequenos grupos.
Carpinteiría, electrónica, robótica, realidade virtual, drones e coches teledirixidos con gafas especiais que fan que o piloto sinta coma se fose no coche que dirixe cos mandos... fixeron as ledicias de tod@s.
As monitoras e monitores fixeron gala dun moi bo "saber facer" e conquistaron a todo o alumnado. Unha marabillosa experiencia que agardamos tivese servido para espertar a curiosidade e/ou afición polo mundo maker.
OBRADOIRO DE DRONES
Aprenderon a pilotar un dron aéreo e outro terrestre. A través das gafas FPV puideron pilotar ambos drones en primeira persoa xa que levan unha cámara incorporada e @s compañeir@s visualizaron na pantalla o que estaba a ver @ piloto.
SECCIÓN INVENTOS
Facendo combinacións entre unha grande cantidade de sensores (luz, son, cor, presencia, distancia, tacto...) e actuadores (motores, luces, pantallas, altavoces...) construíron aparatos diferentes: timbre sen contacto, medidor de humidade, lámpara regulable...
EXPOSICIÓN DE OBXECTOS 3D
Variedade de obxectos impresos en 3D para coñecer a posibilidades que este recurso pode ofertar.
OBRADOIRO DE CARPINTEIRÍA
Traballaron coa máquina Playmake, obradoiro 4 en 1. Unha máquina que permite ter unha serra de calar totalmente segura para @s nen@s, un torno, taladro ou unha amoladora.
Traballaron co torno e coa serra de calar, facendo puzzles e pezas artísticas lixando e decorando o resultado.
XOGOS DE PROGRAMACIÓN E ROBÓTICA
De chan e con pequenos robots e actividades diferentes segundo a idade do alumnado.
EXPERIENCIA CON GAFAS DE REALIDADE VIRTUAL
Experiencia sorprendente de Grafiti en 3D.
Aquí tedes un resumo da xornada
Ningún comentario:
Publicar un comentario