Un ano máis, no noso centro puxemos en marcha a actividade das mochilas viaxeiras, unha iniciativa que parte da biblioteca escolar e que busca achegar a lectura aos nen@s e familias dun xeito lúdico e motivador.
Cada mochila está preparada con coidado, incluíndo unha selección de libros adaptados ás diferentes idades do alumnado. Para a súa elección téñense en conta aspectos como o contido, a calidade das ilustracións, o formato e o atractivo xeral das obras, co obxectivo de espertar o interese e o gusto pola lectura.
En cada titoría poñeranse en circulación dúas mochilas, que irán pasando polas casas do alumnado, permanecendo aproximadamente unha semana en cada fogar. Durante ese tempo, as familias poderán gozar xuntas dos materiais que conteñen.
É importante lembrar que non se trata de ler todos os libros, senón de compartir aqueles que máis gusten, respectando os ritmos e intereses de cada neno e nena. Ademais, cada mochila inclúe tamén algún xogo, pensado para fomentar momentos de lecer en familia.
Agardamos que esta actividade siga sendo unha experiencia enriquecedora, que fomente o amor pola lectura e fortaleza os vínculos entre a escola e as familias.


Ningún comentario:
Publicar un comentario