venres

DINÁMICA DE CONVIVENCIA

 Dentro do Plan de Convivencia do noso centro levamos a cabo unha actividade moi especial co alumnado de terceiro a sexto de primaria, centrada na importancia do respecto, a empatía e a comunicación positiva entre iguais.

A actividade desenvolveuse na biblioteca, onde comezamos cun pequeno coloquio sentados en círculo, no que reflexionamos sobre a convivencia diaria e os conflitos que ás veces xorden entre compañeiros e compañeiras. A partir desta conversa inicial, propúxoselles unha dinámica moi significativa: a cada alumno e alumna colocóuselle un folio en branco na espalda, no que os demais tiñan que escribir mensaxes positivas, cualidades ou aspectos que valoran desa persoa.(todos tiñan que ter algunha palabra positiva)

Unha vez rematada a actividade, realizamos unha posta en común na que puidemos compartir e comentar todo o positivo que xurdiu. Foi un momento moi emotivo, no que o alumnado tivo conciencia da importancia de expresar o bo que vemos nos demais.

A través desta experiencia, quixemos facerlles ver que, se nos esforzamos máis en dicirnos cousas positivas e en valorar aos demais, probablemente reduciríamos moitos dos conflitos que xorden no día a día. Sen dúbida, foi unha actividade enriquecedora que contribuíu a fortalecer os vínculos e a mellorar a convivencia no centro.




Ningún comentario:

Publicar un comentario