xoves

DÍA DA BIBLIOTECA 2019

O 24 de outubro celébrase un ano máis o Día da Biblioteca que se vén celebrando dende 1997 por iniciativa da Asociación de Amigos del Libro Infantil y Juvenil.




O cartel deste ano é do ilustrador Miguel Calatayud, e o pregón é da escritora Gemma Pasqual.




E aquí deixamos o fermoso pregón de Gemma pasqual:


A SEN CONTO


Non quería ser princesa, non quería ser liberada polo príncipe azul. Tampouco que o bico dun Príncipe a devolvese á vida; nin que a salvase da explotación infantil, non quería esconderse na casa dos sete ananiños e ser a súa criada ata que un príncipe a viñese rescatar. Non era capaz de renunciar á súa voz polo amor dun mozo; nin esperaba que san Xurxo a salvase do dragón. Nobres princesas condenadas a durmir ou ao silencio, por orde dunha madrasta, dun pai ou dunha fada boa.


E puxo os seus zapatos vermellos e fuxiu do seu conto, correu e correu buscando refuxio ata converterse nunha sen conto. Era unha sen libro, unha sen papeis, non a querían en ningures.


Nunha casca de noz navegou polo Mar das Letras, e naufragou. Nadaba contra a corrente, fortes ondas de frases afogábana, e cando se deu por vencida e se abandonou á súa sorte, de súpeto salvouna a capitá Pippi Långstrump, unha nena libre, xenerosa, que nunca se aburría, que se atrevía a cuestionar o razoamento dos adultos. Acompañada por Matilda, navegaban polo mar das letras para rescatar todos aqueles personaxes que se aventuraban a cruzar o mar buscando un conto mellor. Heroínas con forte sentido da xustiza e do deber de protexer os máis débiles.


Finalmente, despois de moitos atrancos, chegaron a porto seguro, o Porto da Biblioteca, o Paraíso do que lle falara Borges: un lugar cheo de tesouros afundidos, como lle dixera Virginia Woolf; unha nave espacial que a levaría aos recunchos máis afastados do universo; unha máquina do tempo que a transportaría ao pasado máis remoto e ao futuro más afastado; unha saída a unha vida mellor, máis feliz e máis útil, como lle explicara Isaac Asimov. Un lugar onde non necesitaba ser princesa para ser a protagonista de todos os contos.


Longa vida ás bibliotecas, refuxio de todas, tamén das sen conto, das sen libro, das sen papeis, das nenas que non queren ser princesas e dos nenos que non queren ser heroes. Longa vida aos bibliotecarios e bibliotecarias, gardiáns do Paraíso, de máquinas do tempo e de grandes tesouros como son os libros.


Tradución: Héctor Cajaraville

________________________________________________________________


Nas Bibliotecas Escolares de Galicia, tamén temos un cartel moi, moi especial, baixo o lema "Biblioteca Escolar: Viveiro de Cidadanía", elaborado por Óscar Vilán.



Moitas destas esceas do cartel son habituais na nosa biblioteca e así queremos que siga a ser. Un lugar de encontro, de comunicación, de aprendizaxe, de intercambio, de respecto polos outros, para compartir, crear, aprender, xogar, descubrir..... Aprender a ser cidadán do século XXI.

Se queres engade tí nos comentarios do blog qué outras cousas fas na nosa biblio!!




Ningún comentario:

Publicar un comentario