Como o mundo segue a non aprender a vivir en paz e as noticias de novas guerras nos chegan día tras día, pensamos que era moi importante traballar sobre O Guernica de Picasso co noso alumnado, tanto como obra de arte universal coma pola súa condición de símbolo de rexeitamento das guerras e da inxusticia social.
Así que nos propuxemos ter un Guernica o máis grande que puidésemos dentro das nosas posibilidades (que non son moitas). Na páxina web do Museo Reina Sofía , que é onde actualmente se expón o cadro, descubrimos o proxecto do museo, en constante actualización, "Repensar Guernica" en forma de páxina web.
Ademais de moitísima información e arquivos varios, atopamos unha imaxe do Guernica en gigapíxeles que permite apreciar o cadro nos seus máis pequenos detalles e permitíanos imprimilo como nós queriamos. Unha web que sen dúbida é moi interesante de visitar.
Dito e feito. Imprimímolo e pegámolo nun soporte de cartón pluma para levalo ás aulas.
Tamén decidimos como queriamos achegar o cadro ao alumnado e para os cursos de 3º, 4º, 5º e 6º de E. Primaria deseñamos o seguinte plan de actuación:
PRIMEIRA SESIÓN
1º.- Manter o cadro oculto ata despois de indicarlles as tarefas a realizar.
2º .- Informarlles que se trataba dun cadro moi famoso e que unha vez que estivese á súa vista non poderían falar en absoluto. Só deberían observalo moi detidamente durante un tempo determinado (3 ou 4 minutos).
3º.- Seguidamente deberían poñer por escrito:
- As súa impresións. Que pensaron, que lles parecía, que viron...
- Que personaxes e/ou elementos ven no cadro.
- Se o coñecían anteriormente ou non.
4º.- Posta en común do que escribiron.
5º.- Explicación moi breve do cadro, do que representa e da súa historia. Sinalar figuras e/ou elementos que non fosen vistos por eles. Autoría.
6º.- Dibuxo libre dun dos elementos do cadro á súa elección.
Resultou unha actividade moi gratificante para todas e todos (así o manifestou o alumnado) onde cadaquén se expresou libremente sen estar en ningún momento influenciad@s pola opinión dos/das demais nin sequera do profesorado, que antes de que se empezase a escribir, remarcou que as opinións serían libres e que en ningún caso deberían escribir aquelo "que pensan que se espera delas e deles", senón a propia impresión verdadeira).
Agás 2 alumn@s de 6º, ningún outro coñecía o dacro, así que a exposición ao mesmo tampouco estaba influída por coñecementos previos.
Foi moi interesante compartir as súas ideas e explicalas e foi unha oportunidade única para analizar o poder desta obra pictórica.
Toda esta información será recollida e ditada en forma dixital e en formato papel (libro) para que poidamos volver a ela, analizada ou simplemente disfrutala cantas veces queiramos.
SEGUNDA SESIÓNS E POSTERIORES
Para as seguintes sesións elaboramos unhas presentacións con informacións máis detalladas sobre o cadro, que ademais de traballadas nas aulas acompañarían ao cadro na súa exposición na entrada do Centro.
Aquí volas deixamos por se queredes consultalas:
Ningún comentario:
Publicar un comentario