martes

XOGOS DE CARTAS DE ROSALÍA DE CASTRO

 Inspirad@s nun xogo de cartas sobre Manuel María( Apañasoños ) que nos agasallaron na xornada de formación do Proxecto Bibliotecas Creativas de Galicia, decidimos facer outro semellante con poemas de Rosalía ao que chamamos "Lía con Rosalía"

Fixemos unha escolma de poemas coa que editamos un dacerniño esencial para xogar e que incorpora as instrucións.

Deseñamos unha caricatura de Rosalía para non utilizar ningunha xa editada que estaría no reverso de cada unha das cartas de xogo, que tamén deseñamos.

Imprimimos o resultado e plastificamos a baralla para unha mellor conservación e facilidade de xogo.

E, por suposto, xogamos con elas nas diferentes aulas.

Se queredes xogar na casa non tedes máis que imprimir os documentos que vos deixamos a continuación e fabricaros a vosa propia baralla de Rosalía. Unha forma divertida de ler a súa poesía, traballar a rima e a comprensión lectora. Animádesvos?

CADERNIÑO:




BARALLA:



E como pensamos que para o alumnado de menor idade podía ser algo difícil xogar ben, deseñamos outro xogo de cartas. Esta vez escollimos o formato típico dos "Xogos de familias"
 Facer unha escolma de pequenos poemas, buscar imaxes alusivas libres de deritos, facer a montaxe , deseñar outra traseira da baralla "Familias de poemas", imprimir cortar e plastificar foron traballos que fixemos con ilusión.

Xogar con elas tamén gustou moito ao alumnado.
Se queredes telas na casa non tedes máis que descargalas aquí abaixo.

XOGO FAMILIAS


DÍA DE ROSALÍA 2024

  Non podiamos faltar a esta cita tan importante e reunímonos na biblioteca ao pé do debuxo que de Rosalía colorearon en E. Infantil para recitar unha selección dos seus poemas.

En 1º e 2º optaron por cantarnos "Eu ben vin estar o moucho" de Migallas Teatro acompañados na pantalla do vídeo que usaron para aprendela. 

O resto dos cursos de Primaria recitaron unha escolma de poemas axeitados para cada curso.

E rematamos a sesión, coma sempre, cantando tod@s "Rosalía pequeniña", de Uxía. O noso alumnado non perdoa un Día de Rosalía sen o vídeo e a canción.

Todo isto o recollimos no seguinte vídeo:


domingo

O PROFESORADO APRENDE A USAR A IMPRESORA 3D

 Se queremos sacarlle partido a este recurso compre que o profesorado saiba utilizar a nosa impresora 3D (e o básico para poder utilizar outras).

A responsable da biblioteca escolar impartiu unha pequena docencia ao resto, baseándose na presentación que elaborou para tal fin e facendo pequenas probas posteriores coa máquina para coñecer o seu programa.









Despois chegou a hora de saber instalar e desinstalar o cartucho de filamento, nivelar a cama, limpeza e mantemento.... e por fin poñela a imprimir.
O marcapáxinas de Pulpi foi o escollido porque así xa tiñamos agasallos para quen veña á biblioteca para colaborar con nós: pais, nais, personalidades, obradoiros...

Ademais o alumnado achegouse para vela fundionar.





O GUERNICA E O COLLAGE

 Mirade que traballo tan bonito fixeron en 1º e 2º  coa profe Marina sobre O Guernica.

Como podedes ver no vídeo ocupan un lugar de honra na entrada do cole. PARABÉNS!


sábado

RETOS KAPLA EN GALEGO

 En colaboración coa coordinadora de Polos Creativos e co Equipo de Dinamización da Lingua Galega deseñamos unhas tarxetas de tamaño A5 (por consideralas máis manexables e coleccionables) coas propostas do xogo para os máis pequenos traducidas ao galego.

Parécenos moi importante que os máis pequenos poidan ler o nome de cada figura, ou o nome de cada sección na Lingua Galega, así que estamos orgullos@s do noso traballo.



domingo

SEMANA DE ENTROIDO

Un ano máis chegou unha das festas preferidas polo alumnado do cole... O Entroido!

Como sabedes, o noso proxecto anual é "Coidado: xente medrando" onde queremos traballar para educar e promover os hábitos saudables como modo de vida. 
Así que os mandados de Pulpi foron os que seguen:



Ademais  o venres, día grande desta semana, degustamos unha merenda de Entroido coas aportacións que destes postres trouxo o alumnado e un obradoiro de antifaces especial en 3º e 4º.

Tamén fixemos unha copla utilizando a música de "A Rianxeira" que cantamos todos xuntos antes de desfilar diante dos familiares que se achegaron ao centro para compartir con nós esta festa.

o mal tempo impediu que puidésemos facer unha saída pola contorna como gustamos de facer cada ano.

Aquí tedes todo isto recollido nun só vídeo. Disfrutádeo!!!




sábado

RETOS KAPPLA EN EDUCACIÓN INFANTIL

 Esta actividade proposta dende os Polos Creativos xunto coa Biblioteca Creativa tivo moi boa axollida en E. Infantil.

Aquí o podedes ver e así queda demostrado!


venres

AS VOSAS IMPRESIÓNS SOBRE O GUERNICA

 O prometido é débeda.

Os voso escritos sobre a impresión que os causou o cadro e as figuras e elementos que percibistes están aquí, acompañadas dos vosos debuxos.

Son unha xoia, e só falta encuadernalas para que pasen a formar parte dos fondos da nosa biblio.

PARABÉNS!


domingo

PARA VER, APRENDER E DISFRUTAR MÁIS CO GUERNICA.

 Aquí tedes unha selección de recursos que nos parecen interesantes para ver, apender e disfrutar máis co Guernica.

Un impresionante vídeo que recrea o Guernica en 3D, obra de Lena Gieseke, unha artista afincada en Nova Iork que domina as máis modernas técnicas de infografía dixital, e que ademais tivo a grande sensibilidade para acompañala coa música do grande compositor español Manuel de Falla , "Nana" de Siete canciones populares españolas e rematar o vídeo enfocando a flor.


Outros vídeos para coñecer mellor a Picasso.







Queredes velo pintar? Pois mirade!!






Para colorear e armar quebracabezas co Guernica.




Puzzle:



Que vos parece? A aprender e disfrutar!!







FIGURAS DO GUERNICA PARA DESCARGAR, IMPRIMIR, XOGAR, COLOREAR...

 Para facilitar todo tipo de traballos poñemos á vosa disposición as figuras do cadro en imaxes descargables. Só tedes que clicar na imaxe adxunta,




O GUERNICA. DÍA DA PAZ 2024

 Como o mundo segue a non aprender a vivir en paz e as noticias de novas guerras nos chegan día tras día, pensamos que era moi importante traballar sobre O Guernica de Picasso co noso alumnado, tanto como obra de arte universal coma pola súa condición de símbolo de rexeitamento das guerras e da inxusticia social.

Así que nos propuxemos ter un Guernica o máis grande que puidésemos dentro das nosas posibilidades (que non son moitas). Na páxina web do Museo Reina Sofía , que é onde actualmente se expón o cadro, descubrimos o proxecto do museo, en constante actualización,  "Repensar Guernica" en forma de páxina web.

Ademais de moitísima información e arquivos varios, atopamos unha imaxe do Guernica en gigapíxeles que permite apreciar o cadro nos seus máis pequenos detalles e permitíanos imprimilo como nós queriamos. Unha web que sen dúbida é moi interesante de visitar.

Dito e feito. Imprimímolo e pegámolo nun soporte de cartón pluma para levalo ás aulas.

Tamén decidimos como queriamos achegar o cadro ao alumnado e para os cursos de 3º, 4º, 5º e 6º de E. Primaria deseñamos o seguinte plan de actuación:

PRIMEIRA SESIÓN

1º.- Manter o cadro oculto ata despois de indicarlles as tarefas a realizar.

2º .- Informarlles que se trataba dun cadro moi famoso e que unha vez que estivese á súa vista non poderían falar en absoluto. Só deberían observalo moi detidamente durante un tempo determinado (3 ou 4 minutos).

3º.- Seguidamente deberían poñer por escrito:

             - As súa impresións. Que pensaron, que lles parecía, que viron...

             - Que personaxes e/ou elementos ven no cadro.

             - Se o coñecían anteriormente ou non.

4º.- Posta en común do que escribiron.

5º.- Explicación moi breve do cadro, do que representa e da súa historia. Sinalar figuras e/ou elementos que non fosen vistos por eles. Autoría.

6º.- Dibuxo libre dun dos elementos do cadro á súa elección.



Resultou unha actividade moi gratificante para todas e todos (así o manifestou o alumnado) onde cadaquén se expresou libremente sen estar en ningún momento influenciad@s pola opinión dos/das demais nin sequera do profesorado, que antes de que se empezase a escribir, remarcou que as opinións serían libres e que en ningún caso deberían escribir aquelo "que pensan que se espera delas e deles", senón a propia impresión verdadeira).

Agás 2 alumn@s de 6º, ningún outro coñecía o dacro, así que a exposición ao mesmo tampouco estaba influída por coñecementos previos.

Foi moi interesante compartir as súas ideas e explicalas e foi unha oportunidade única para analizar o poder desta obra pictórica.

Toda esta información será recollida e ditada en forma dixital e en formato papel (libro) para que poidamos volver a ela, analizada ou simplemente disfrutala cantas veces queiramos.


SEGUNDA SESIÓNS E POSTERIORES

Para as seguintes sesións elaboramos unhas presentacións con informacións máis detalladas sobre o cadro, que ademais de traballadas nas aulas acompañarían ao cadro na súa exposición na entrada do Centro.

Aquí volas deixamos por se queredes consultalas:







Esta última presentación fixémola a partir dun PDF chamado Guernica Legado Picasso 25-6957.pdf obtido na páxina web do Museo del Prado de libre descarga.

SESIÓNS DE TRABALLO INDIVIDUAL

Despois de ter traballado sobre o cadro desta maneira cumpría ir un paso máis aló. Profundizar sobre a figura de Picasso e integralo na área de Lingua Galega e de Plástica.

Así en 5º e 6º traballaron sobre dous documentos que atopamos na rede e que traducimos ao galego.





E en 3º e 4º con outro tamén elaborado por nós en base a outros atopados na rede:



Iremos completando esta información a medida que os traballos vaian saído adiante.

xoves

A RONDA DO SOLDADIÑO

 En vista de que no mundo non deixa de haber guerras senón que cada día hai máis, escollimos esta canción de José Mário Branco, cantautor portugués, que aposta pola paz e denuncia os intereses dos poderosos nos conflitos armados.

A ronda do soldadiño cantada por José Mário ten varias versións. Nós escollimos esta que aquí vos deixamos e xa puxemos noutra entrada, xunto coa letra, para que servise á comunidade educativa para aprender a cantala ben.



E nós, despois de practicala moito, e aprendernos moi ben a letra (e iso que é longa) a interpretamos así na biblio o Día da Paz 2024.
Momentos especiais de disfrute colectivo no que a música nos une aínda máis.


LECTURA POLO DÍA DA PAZ

 A lectura escollida para este día tan sinalado foi a de "Armas para morrer de risa" da escritora, poetisa e mestra Gloria Sánchez García

Temos o libro en PDF compartido por unha compañeira do PLAMBE hai tempo e decidimos editalo en versión especial para o Kamishibai e que a lectura do mesmo correse a cargo do alumnado de 5º e 6º.

Partímonos de risa coas armas tan divertidas e tan "pacifistas" : a "metratraballadora" (metralleta que dispara un montón de sementes por segundo), "a espida" (espada vergoñenta que non quere verse espida e gárdase na súa vaina),  "a escopita" (escopeta que asubía cando se lle apreta o gatillo)... Quedamos desexando que todas as armas fosen desa maneira.