Para iso empezamos cun fermoso texto sobre a lectura escrito por Manuel Gago para a Asesoría de Biblitotecas Escolares
Clicando na primeira foto accederedes ao blog das Biblioteca Escolares de Galicia onde tedes o manifesto e podedes saber máis do paxaro da foto, incluso poderedes oílo cantar.
Tamén vos deixamos o cartel que o IBBY (International Board on Books for Young people) así como o seu manifesto deste ano, do Día do Libro Infantil e Xuvenil que se celebrou o 2 de abril.
Clicando na imaxe poderás acceder ao blog de Gálix de onde están extraídos o cartel e o texto.
Tamén á convocatoria dun concurso de recitado de poemas a través de arquivos sonoros.
FAME DE PALABRAS
A finais do mes de abril, ou a comezos de maio, no meu país
reverdecen os arbustos. Ao pouco tempo, as crisálidas das
bolboretas prenden neles. Locen coma boliñas de algodón, mais as
eirugas devoran folla tras folla ata que os arbustos perden o seu
verde por completo. Cando as bolboretas saen das súas crisálidas
botan a voar; pero malia todo, os arbustos non quedan arruinados:
dentro dun ano volverán agromar, e así unha e outra vez.
Esta é a imaxe dunha escritora, a imaxe dun poeta: os contos e
os poemas aliméntanse deles, ríllanos, esgótanos... E cando xa
están escritos, saen voando para acabaren nos libros, para
aterraren nos oídos daqueles que os escoitan. E isto non deixa de
repetirse nunca...
E que ocorre cos poemas e cos contos?
Coñezo un rapaz ao que operaron dos ollos. Logo da
intervención tivo que estar dúas semanas deitado sobre o seu
costado dereito; e despois, durante un mes máis, non puido ler.
Non puido ler nada. Cando, tras un mes e medio de repouso,
volveu coller un libro, tivo a sensación de estar arramplando coas
palabras a eito dunha tarteira. Como se as comese, como se as
comese de verdade.
E coñezo unha rapaza que agora é mestra, e que dixo: “Pobres
daqueles nenos aos que os seus pais non lles lían libros!”
As palabras, nos poemas e nos contos, son alimento. Non son
alimento para o corpo, porque ninguén podería encher o estómago
con elas. Son alimento para o espírito e para a alma.
Cando alguén ten fame e sede, o seu estómago encóllese e
sécaselle a boca. Busca encontrar cando menos un codeliño de
pan, unha cunca de arroz, un peixe ou unha froita. Canta máis
fame, tanto máis se lle estreita a mirada, ata que xa non ve máis
ca un bocado ou un grolo que o deixarían farto.
Pero a fame de palabras non se presenta deste xeito, senón que
toma forma de abatemento, de apatía, de arrogancia. A xente
que sofre deste tipo de fame non é consciente de que na súa alma
reina o frío, non se decata de que está a pasar a carón de si
mesma e non se ve. Unha parte do mundo váiselle das mans sen
sequera notalo.
Esta fame unicamente poden saciala os poemas e os contos.
Se nunca o fixemos, existe a esperanza de que poidamos acalmar
este tipo de fame?
Si. Aquel mozo le, raro é o día en que non o fai. E a moza que é
mestra le contos para o seu alumnado. Cada venres. Cada semana.
E se algunha vez lle esquece, son as nenas e os nenos quen llo
lembran.
E a escritora? E o poeta? Ao ano seguinte, reverdecerán. E
volverán roelos os contos e os poemas que logo, transformados en
bolboretas, botarán a voar. Unha e outra vez.
Escrito por Peter Svetina
Ilustrado por Damijan Stepancic
Traducido por Héctor Cajaraville
E como non pode pasar este día sen contos propoñémosvos aquí DOUS!
Un vídeo do álbum ilustrado "Flotante" de David Wiesner, editado por Océano Travesía, que temos na biblio: unha historia dentro dunha historia, un mundo sorprendente dentro doutro mundo...
E un conto do máis actual narrado a través da papiroflexia. Extraído do canal de You Tube do salón do Libro de Pontevedra.
E AGORA VAI A NOSA PROPOSTA!!!
O MEU LIBRO FAVORITO
- Propoñémosvos que busquedes o libro que máis vos guste dos que tedes na casa e vos saquedes unha foto con el para compartilo con tod@s nós.
- Enviade a foto ao correo da biblioteca bibliofranza@gmail.com para facer unha montaxe con todas xuntas.
- Xa estades tardando!!
Ningún comentario:
Publicar un comentario