miércoles

ENCONTROS DAS BIBLIOTECAS ESCOLARES

Os días 7 e 8 de abril celebráronse en Santiago os Encontros das Bibliotecas Escolares 2010-2011.
Estes encontros están organizados pola Asesoría de bibliotecas escolares e están pensados para adquirir formación específica na xestón e dinamización das bibliotecas escolares, así como para intercambiar ideas e experiencias con outros centros educativos.

Na sesión de mañá do día 8 Mónica Baró e Teresa Mañá falaron da importancia de avaliar a nosa biblioteca para poder avanzar máis e mellor e aportaron ideas sobre cómo, cando e qué se debería avaliar.
Seguidamente, e despois dunha pequena pausa e dun café, os asistentes repartímonos en diferentes aulas onde se expoñían traballos de centros escolares galegos que teñen traballado co cine (entre eles o Fernando Esquío de Neda, veciños nosos) ou coa banda deseñada nas súas actividades de creación literaria. Asimesmo Kiko Da Silva, ilustrador galego, impartiu un obradoiro sobre "A banda deseñada na colección da biblioteca escolar.

Xa pola tarde reuníronse os representantes das bibliotecas por zonas (nós coa zona de Ferrolterra) para intercambiar experiencias dos nosos centros, aportar novas ideas e/ou suxerir traballos colaborativos.

E como guinda do pastel, e para pechar estes encontros contamos coa marabillosa visita de Xosé Neira Vilas, autor do primeiro best seller da literatura galega polo número de edicións e traduccións coas que conta "Memorias dun neno labrego".
Falounos da súa infancia, dos oito quilómetros que tiña que camiñar para ir á escola despois de traballar na casa, dos libros que mercaba por correspondencia e agochaba baixo unhas tellas do teito, de que quería ser periodista e que ao fina o foi, da emigración a Arxentina e logo a Cuba, da súa muller Anisia Miranda, coa que traballou na revista infantil "Zun zun" en Cuba, do seu amor polos libros, dos libros que regalaba cando non lle cabían no cuarto onde vivía, da biblioteca que actualmente funciona na que fora a casa da súa infancia...
Foi todo un privilexio poder velo e escoitalo, emocionarse e rir co seu relato.
Marchamos cun moi bo sabor de boca, e pensando nos encontros do próximo ano.

No hay comentarios:

Publicar un comentario